Feira do pan no Incio
ogalego@galicia.com

I Feira do pan no Incio/Lugo/Galicia

6 de setembro de 2009

Feira do pan

ALBUM DE FOTOS

Impresións dun visitante forasteiro


Contra as dez da mañá chegamos ao Incio miña nai e mais eu. Xa tivemos que parar o coche para deixar pasar un carro de pan tirado por unha parella de vacas ben mantidas. Aparcamos e xa recibimos a benvida de Laura Celeiro que estaba moi guapa co seu traxe tradicional. Achegámonos cara ao Concello e vimos como un señor estaba botando os mollos do carro con moito xeito enriba da eira diante Casa Consistorial, certamente semellaba unha eira o sitio. As escaleiras de baixada servíronnos a moitos de bancadas para ver a malla. Pero antes probamos os melindres e o chocolate que nos ofreceron gratis na caseta, tamén mollamos a palleta e iso que nós non iamos traballar. Axiña apareceron seis malladores que se puxeron á faena. Despois de darlle a primeira volta tomaron un descanso e apareceron unhas mulleres coas cestas da comida na cabeza e no brazo, dicían que era a chisca. Logo outras mulleres, tamén con moito xeito, revolveron a palla. E volveron os malladores con máis forza. Rematado o traballo cos mallos os homes foron por unhas corres de xesta e empezaron a carrexar a palla para faceren o palleiro. O sol pegaba forte, como seica ten que ser nas mallas, a xente suaba a fío. En todo o traballo estiveron amenizando os gaiteiros de Xarín que botaban aturuxos, animaban aos malladores e o público aplaudiamos a cada momento.
Despois de refrescaren as gorxas, homes e mulleres puxéron a coañar, separar ben os restos da palla e a gra con vasoiras, coañeiras e angazos. Cando o tiveron todo xunto nunha morea achegaron a máquina de limpar e empezaron a aventoar erguendo moito po a máquina que funcionaba coa enerxía que trouxeran as mulleres nas cestas: á man. O grao xa ía caendo limpo nun ferrado. Mentres a palleireiro rematara o traballo e puxéralle o ramo de loureiro no cimo.
O sol picaba e erguémonos para dar unha volta polas casetas. Na do Concello collemos moita información. Admiramos as das diferentes asociacións culturais que mostraban manualidades, fotos, libros... todo o seu traballo. Mesmo mercamos unhas camisetas da Terrra Brava e un CD. Unha señora facía cestos, o mestre facedor de palletas para gaitas botáballe unha peza, catamos o queixo, o mel, as castañas, algunha bebida. Non faltaban o pintor e o escultor do Incio. Agora dous grupos de gaitas amenizaban as casetas e o cego voceaba as súas coplas con feitos extraordinarios acontecidos no Incio.
Soou a campá e miña nai foi oír a misa naquela preciosidade de igrexa moderna que tan ben respecta o contorno. Acompañado de Laura e Carlos entrei no Concello para ver as exposicións de fotos antigas e de hoxe, os traballos dos rapaces do colexio feitos en colaboración cos avós da Residencia da 3ª Idade. Mesmo votei as fotos que máis me gustaron para lles dar o premio do público. Alí se vía o moito traballo das xentes do Incio para preparar esta Feira do Pan: asociacións culturais, grupos políticos do Concello. O mellor era que se vía que foi algo feito pola xente do Incio e para a xente do Incio. Por iso había moitas mulleres e algúns homes vestidos coa roupa tradicional.
Cando acabou a misa aínda nos faltaba ver a exposición de apeiros e ferramentas utilizados nos traballos do pan. Moi completa, vimos arados ben curiosos, o quenzo... cada un co seu nome e explicación de como se usaba. Non faltou detalle. Eran as dúas e mesmo ao lado estaban as mesas para poder comer o xantar típico das mallas e tampouco faltaba o polbo para quen non o puidese comer.
Xa só faltaba ao marchar do Incio a visita ao Hospital para ver o busto do Padriño todo el rodeado de roseiras en flor e brillando baixo un sol que pegaba duro.
Parabéns á nosa amiga Laura e a todos cantos participaron na preparación, organización e na propia Feira. Que siga para o ano.

Anxo González ogalego@galicia.com